Un ano de cambio de goberno, mais sen cambio: os animais seguen agardando

blog

Estes días atrás cumpriuse un ano desde as pasadas eleccións municipais, é dicir, desde que se renovaron os gobernos dos concellos. Precisamente Santiago de Compostela foi un dos que modificou a cor do seu goberno, e, con iso, moita xente agardaba cambios de políticas.

Mais en moitos aspectos, non hai cambios. Nin de políticas nin de nada. Un exemplo: as asociacións protectoras de animais radicadas en Santiago recollemos nas últimas semanas varias gatas acabadas de parir, coas súas camadas, de 2, 3, 4, 5 e mesmo 6 gatiños. Tamén se recolleron en varios puntos distintos do concello gatiños bebés que foran abandonados, gatiños enfermos ou mesmo unha camada nun colector do lixo, tirados coma se non foran seres vivos. A verdade, despois dun ano de goberno, agardabamos que este ano, por fin, empezaramos a notar que diminuían as camadas recollidas. E agardabámolo porque supoñiamos que se ían notar as medidas de control das colonias da rúa, o método C.E.S (coller, esterilizar, soltar), a nova ordenanza, o cambio de xestión en Bando e tantas outras cousas que se prometeron, que se falaron, que se insinuaron e que se intuían nunha equipa de goberno que se ofrecía como rupturista.

Mais non. Aquí estamos un ano máis, recollendo camada tras camada. Aquí seguimos vendo numerosos cans atados e en condicións indignas en moitas casas do municipio. Aquí seguen aparecendo animais envelenados en diversos barrios do municipio. Aquí continuamos agardando que se habilite orzamento para o control das colonias. Aquí vemos como a mentalidade do animal da casa solto sen ningún tipo de control, coidado ou vixiancia continúa imperando entre a veciñanza sen que se fagan campañas de concienciación. Aquí continúanse sacrificando animais en Bando. Aquí seguimos recollendo denuncias por maltrato animal, sen que as institucións fagan nada por impedir eses maltratos. Aquí vemos atropelos de animais soltos día si e día tamén. Aquí segue pasando o tempo, e non muda nada. As asociacións protectoras seguimos facéndonos cargo, cos escasos medios que temos, e do mellor xeito que podemos, de funcións que son do concello.

Un ano sen mudanzas. E sendo así, que podemos agardar dos anos que veñen? Máis camadas, máis animais atropelados, máis maltrato…

Un ano do cambio de goberno, pero sen cambios. Os animais seguen agardando.

Recent Posts